15 de enero de 2007

ONG e xornalistas, historia de amor imposible?

O pasado mes de decembro, a CONGDE organizou o I Taller de Medios de Comunicación e ONGD: "Propostas de mellora informativa", onde José Luis Corretjé, xefe do gabinete de prensa do concello de Rivas Vaciamadrid, promotor do Foro Social Mundial das Migracións e un dos mellores coñecedores da comunicación nas ONG, fixo unha presentación sobre o estado desta difícil relación nestos últimos anos, que resumo nestes puntos:

1993, acampadas do 0,7 e o xenocidio en Rwanda. É tamén o momento en que xornais como Diario 16 e El mundo sacan suplementos específicos sobre o sector das ONG, ao tempo que xurden revistas como Planeta Humano ou Voluntarios.

Os recelos e sospeitas saen cando aparecen centos de ONG á calor das subvencións descentralizadas. Tamén aparecen algúns casos de corrupción e, como consecuencia, o medo á autocrítica. Hoxe en día ainda subsiste ese medo a que se fale mal dunha organización.

Bastante descoñecemento mutuo. Nos medios faltan profesionais especializados, porque tamén as ONG poden ser boas fontes de información e aproveitar a xente que teñen no terreo.


Somos habitantes de planetas diferentes? Para os medios, as ONG son noticia de segunda orde. Hay a sensación de que son fontes de información fiabeis, pero hay un discurso repetitivo e grandilocuente.

O que necesita cada parte
As ONG precisan informar do que fan, visibilidade, sensibilizar, captar fondos, influir nos poderes públicos, consolidar a súa imaxe...
Os medios precisan informar, vender, entreter, chamar a atención, emocionar... Os xornalistas queren noticias, cifras, historias humanas, portavoces, escándalos, accións imaxinativas, e que o lector se sinta identificado co que lé (Na presentación, móstrase o vídeo "Levántate, Zapatero"), e plantéase a seguinte cuestión: Por qué as catástrofes venden máis que os proxectos exitosos? Hay outra vía, nos medios, para falar das ONG?

Hai realidades invisibeis para os medios
E a razón é que é moi difícil contalas: programas de loita contra a pobreza, os Obxectivos do Milenio, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento, o manexo dos FAD... Falta información de contexto nas noticias, hai que falar das causas: por que veñen as pateras, por que Mozambique adica unha porcentaxe grande do seu PIB á débeda externa. E non hai que esquecer os logros gracias á cidadanía e os medios: patentes, condonación da débeda externa...

Diversidade de ONG: somos moitas e de diferente pelaxe
E para ilustrar este epígrafe, nada mellor que o vídeo da coñecida campaña de África Directo que, gracias á sua limitada repercusión, non afectou tanto ao sector como se temía. Tamén se citan varias reportaxes de corrupción nas ONG a raíz do tsunami.

A exposición de José Luis Corretjé termina cun resumo do informe publicado pola CONGDE sobre a percepción social das ONG (en formato PDF) e un adianto dunhas enquisas enviadas por 75 xornalistas que publicará no futuro a Coordinadora e na que destaca que os xornalistas coñecemos ás ONGD principalmente a través das emerxencias, cando esta actividade só representa o 15% nas organizacións da CONGDE.

Tras esta exposición, iniciouse un debate onde estaban presentes, ademáis de representates de comunicación das principais ONGD (Intermón, Setem, Manos Unidas, Acsur, Enxeñería sen Fronteiras, Axuda en Acción, etc), xornalistas de TVE, Radio Nacional, SER, El País, Servimedia e Telemadrid (seguro que me esquezo dalgúns). En xeral, os xornalistas fomos bastante críticos coa exposición de Corretjé pola falta de autocrítica no sector e a facilidade coa que se botan as culpas aos medios.

Eu propuxen que dende os departamentos de comunicación das ONG comencen a reflexionar sobre cómo queren/teñen/deben aparecer nos medios, e traballen máis a función de transversalidade. É dicir, as ONG non teñen que ser noticia, senón fonte de información de referencia na información non só de carácter social senon tamén económica e política. Tamén puxen como exemplo a iniciativa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta, na que se promoven os blogs entre os seus cooperantes como unha fórmula de transparencia.

Varios xornalistas insistiron na necesidade de que se empreguen de forma máis axil as novas tecnoloxías e que se deixen de mirar esas estadísticas de canta xente se conecta a internet porque neste caso non é real: Internet é un medio transversal para acceder a outros medios.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Interesante entrada.

Tes razón no que dis de que dende as ONG debemos facer autocrítica e (re)pensar como temos que aparecer nos medios.

O problema está en que non tódalas ONG teñen gabinetes de comunicación, ou aínda que os teñan non hai expertos en tódalas sedes. Para moitas ONG (experiencia propia) resulta moi complicado que se publique unha simple nota de prensa, canto máis poder publicar un artigo de opinión ou que sexamos considerados fonte fiable.

Por certo o nome correcto é "Enxeñería sen Fronteiras" non enxeñeiros.

Xose Ramil dijo...

Grazas pola puntualización, a ver se poido cambiar o nome da organización. O debate tamén reflexa, como apreciaches, que a maioría das ONGD alí presentes eran das que contan con dptos de comunicación, supoño que faltaban as que non teñen, para coñecer ben as súas necesidades.

Anónimo dijo...

Moitas veces teño a sensación de que as ONG's comezan a parecerse ás grandes empresas. Xa precisan departamentos de marketing, "negociar" cos medios a súa presencia nos informativos, acadar un determinado número de socios para abrir "sucursais" en Galicia ou noutra comunidade ...
E despois os debates internos que nunca rematan de pecharse, que si hai que facer isto, que si hai que facer o outro, que a nosa línea, que a súa idea ...
Non sei, síntome moi canso coas ONG's. Pasan os anos e todavía non atopei nengunha que non remate dando máis importancia á súa subsistencia que ao problema que en teoría quere solucionar. Teño a impresión de que moitas buscan perpetuarse, cando en realidade debiamos traballar co obxetivo de que non fixeramos falta.

apertas
X. Ramón

Xose Ramil dijo...

Esa sensación é moi real. Algunhas ONG loitan por aparecer nos medios a calquera precio, pero tamén hai que ser consciente de que neste sector podemos atopar de todo. En xeral, penso que nunca a información social tivo tanta cabida nos medios como agora, pero iso non significa que as ONG teñan que ser protagonistas. Para un xornalista, o gran valor das persoas que traballan nas ONG é que poden ser grandes fontes de información.